OS TOLOS DO VOLANTE



Os tolos do volante (1968 - 1970)



Título orixinal: Wacky Races
Ano da estrea: 1969
Duración por capítulo: 20'
Direción: William Hanna, Joseph Barbera e Charles A. Nichols
Guion: Larz Bourne, Tom Dagenais, Michael Maltese e Dalton Sandifer
Banda sonora: Hoyt Curtin
Fotografía e reparto: George Epperson, Charles Flekal, Frank Parrish, Cliff Shirpser e Clarence Wogatzke
Xénero: Comedia infantil, automobilismo
Produtora: Hanna - Barbera Productions, Inc.


     Wacky Races foi unha serie infantil de animación de xénero automobilístico na que en cada episodio once automóbiles competían en dous circuitos diferentes polo título de "O piloto máis tolo do mundo". En orixe, a serie foi concibida como unha produción breve para encher a parrilla da canle de televisión CBS mentres non se xeraban máis episodios das exitosas series infantís anteriores da produtora Hanna-Barbera (coma Os Picapedra ou O Oso Yogui), é por isto que Os tolos do volante só ten 17 capítulos (a dúas carreiras por capítulo, un total de 34 carreiras). En España foi emitida polas canles 1 e 2 de TVE e pola TVG, dobrada ao galego e no marco do programa infantil Xabarín Club.

Penélope Glamour
Maggie Dubois
     A serie está claramente inspirada no filme The Great Race (Blake Edwards, 1956), unha comedia na que se celebra unha carreira automobilística internacional con saída en New York e meta en París. Durante o traxecto, ao igual que na serie animada, os participantes sofren todo tipo de desventuras e contratempos que fan da trama algo absolutamente delirante. A inspiración faise aínda máis evidente no desenvolvemento dos personaxes, especialmente en Penélope Glamour, corredora de Wacky Races claramente construída baseándose na estética de Maggie Dubois, de The Great Race.


Escuadrón Mete La Pata / Mafio y sus pandilleros
       Wacky Races foi un formato rompedor dende o mesmo momento da súa estrea, cun gran número de personaxes (un total de 23, repartidos en 11 coches de carreiras) para ser unha serie destinada ao público infantil, á maneira dunha serie coral, con gran cantidade de personaxes dos que non coñecemos demasiados datos. Esta decisión sobre os personaxes non se debe só ao desexo de elaborar un formato non convencional, senón que respondeu a unha estratexia da produtora Hanna-Barbera enfocada á creación de caracteres que foran facilmente exportables da serie orixinal cara a novos formatos. Esta estratexia deu os seus froitos pouco tempo despois, coa saída ao mercado en 1969 de The Perils of Penelope Pitstop (aparecida como Los peligros de Penélope Glamour en España), protagonizada por Penélope Glamour, un dos personaxes máis emblemáticos e destacados da serie. En Los peligros de Penélope Glamour, Penélope é unha rica herdeira que sufre incontables desventuras provocadas polo seu asesor financeiro, Silvestre Dos Caras, que está interesado en acabar con ela para facerse coa súa fortuna. A serie inspirouse en The Perils of Pauline (Los peligros de Paulina en España), serie cinematográfica estadounidense de 20 capítulos filmada en 1914 na que a xoven Paulina recibe unha herdanza millonaria e é posta en numerosos perigos polo seu administrador financeiro, desexoso de apropiarse da herdanza. Nesta serie tamén aparecen outros personaxes de Wacky Races: o Escuadrón Mete La Pata, un grupo de mafiosos que aparecera en Wacky Races baixo o nome de Mafio y sus pandilleros, conducindo un sedán negro.

Pierre Nodoyuna e o can Patán

       A serie tamén daría lugar en 1969 a unha precuela:
Dastardly and Muttley in Their Flying Machine, (traducida como El Escuadrón Diabólico en España), serie de gran éxito da qu

e se chegaron a producir 38 episodios, protagonizada por Pierre Nodoyuna e o seu can Patán, os villanos e principais personaxes de Wacky Races. É unha precuela de Wacky Races, narrando as aventuras como aviadores de Nodoyuna e Patán durante a I Guerra Mundial, na súa misión de atrapar unha pomba mensaxeira do exército inimigo.



O Profesor Locovich no auto nº3: o Super Convertible
      En canto aos contidos, a serie conta cun amplio elenco de personaxes tipo, é dicir, personaxes de fición que dependen fortemente na súa construción dos estereotipos culturais en canto ao seu aspecto físico, modais, carácter... Este é o caso, por exemplo, do Profesor Locovich ("Professor Pat Pending" no inglés orixinal), condutor do auto número 3: o Super Convertible, un coche con apariencia de barco que se transforma en practicamente calquera cousa. Locovich responde ao estereotipo do "científico tolo", un home de ciencia que xoga coa natureza provocando tanto desastres como acontecementos positivos. Da mesma maneira, tamén aparecen o sarxento Blast e o soldado Meekly, ao volante do Súper Chatarra, o auto n°6, un vehículo militar metade Jeep, metade tanque blindado. O sarxento e o soldado responden ao cliché do personaxe militar: individuos severos, estrictos, rudos e autoritarios, cunha actitude tipicamente castrense.

      Wacky Racers preséntanos moitos máis exemplos do uso de personaxes tipo (un caso máis sería Pedro Bello, condutor do auto nº9, que corresponde a un "príncipe azul" que auxilia á dama en apuros). Non obstante, hai dous casos destacados:

  • Pierre Nodoyuna e Patán. Estes dous personaxes son os malvados de Wacky Racers, así coma os personaxes principais e máis característicos da serie. Responden ao personaxe tipo do "equipo torpe", ao mando do auto nº00: o Super Perrari. Aínda que un equipo torpe ao uso adoita estar integrado por máis de tres personaxes, Nodoyuna e Patán responden perfectamente a este cliché polas súas accións torpes e, aínda que moi elaboradas, absolutamente ineficaces. Este dúo de viláns non só se adecúa ao estereotipo do equipo torpe, senón que tamén responde a un dos clichés narrativos máis empregados na ficción: o "efecto stromtrooper" ou "principio da puntería do vilán". Este principio afirma que os antagonistas do relato, aínda que están en posesión dunha evidente superioridade de medios técnicos e habilidades (habitualmente, aínda que non nesta ocasión, tamén son máis numerosos) son inefectivos no seu combate contra os protagonistas: neste caso, unha carreira automobilística. O Super Perrari é sen dúbida o coche máis rápido da carreira e o que conta coas mellores ferramentas, e resulta evidente que se este equipo non se tivera molestado en tender trampas para prexudicar aos seus competidores, en moitas ocasións tería gañado limpamente. Non obstante, despois de que todos os seus perversos plans se tiveran visto frustrados pola acción dos opoñentes, por puro azar ou pola mesma incompetencia de Nodoyuna e Patán, o Super Perrari non adoitaba cruzar a liña de meta, ou a cruzaba en última posición. Cabe sinalar que o verdadeiro malvado da serie é Nodoyuna, asumindo o can Patán un papel máis ben de "secuaz" (outro personaxe tipo): máis calado que o vilán principal e en moitas ocasións branco da ira deste. 

Pedro Bello, o "príncipe azul"
  • Penélope Glamour. A condutora do auto nº5, o Compact Pussycat (non tivo tradución do inglés) é outro dos personaxes máis emblemáticos e célebres de Wacky Races. É o perfecto exemplo do personaxe tipo da "damisela en apuros": unha muller xoven, inxenua e de bo corazón que se ve ameazada por algún tipo de perigo e cuxa sorte queda á mercede do heroe. Este cliché faise máis evidente na serie posterior a Wacky Races e anteriormente citada The Perils of Penelope Pitstop. En Wacky Races adoita ser rescatada ou axudada por Pedro Bello (do inglés Peter Perfect), galán que adoitaba entrar en meta despois dela. Na versión orixinal, Penélope fala cun acusado acento non rótico (non pronunciación do fonema /r/ ou pronunciación só se o fonema vai diante de vogal e prolongación do fonema vogal anterior ao fonema /r/) característico das clases altas do Sur dos EEUU. O seu coche está equipado exclusivamente con elementos de coidado persoal e cosméticos. 
Os competidores ao completo de Wacky Races
      

      Parece evidente que todos os personaxes da serie responden a un patrón cultural preexistente. Por isto, resulta relevante plantexarse que tipo de estereotipos exhibe Wacky Races e, en consecuencia, que perpetúa.Os dous casos anteriormente citados serven para exemplificar esta análise.

      Atendendo ao caso concreto de Pierre Nodoyuna, na versión doblada ao castelán o personaxe ten un claro acento francés. Na versión orixinal, Dastardly ten un forte acento "couse" (da cidade británica de Liverpool). É bastante frecuente no audiovisual que os viláns teñan acento francés, pero resulta relevante preguntarse a orixe do acento scouse na versión orixinal. O certo é que a cidade de Liverpool está fortemente ancorada a unha serie de tópicos negativos directamente relacionados co seu carácter industrial. Isto ocorre tamén co acento scouse, ligado aos chamados "chavs", un termo despectivo para referirse aos membros da clase obreira británica de forma estereotipada. Aínda que a serie é estadounidense e non británica, a elección deste acento para o vilán podería responder a unha idea negativa da clase obreira, ou a unha intención de "demonización" da mesma.


El Alambique Veloz de Arkansas, auto nº8
     En canto a Penélope Glamour, os estereotipos que perpetúa son claros. Primeiramente, cabe destacar que na serie, como se mencionou anteriormente, hai moitos modelos de personaxe: os mafiosos, os labregos, o científico, os militares... É dicir, na creación de Wacky Races houbo un interese por representar ampliamente moitas personalidades e diferentes estratos sociais e actitudes. Non obstante, o feito de que só exista un personaxe feminino de entre 23 (tanto humanos coma animais antropomorfos) dá conta da idea de feminidade imperante na época (segunda metade do século XX). É evidente que o equipo da produción non víu unha necesidade de representar na serie distintos modelos de muller, senón que creou un único personaxe que debía representalos a todos e actuar como modelo.

      Penélope Glamour é unha personaxe con características moi ligadas ao modelo de feminidade tradicional, e actitudes e intereses que responden a ese mesmo modelo. O seu automóbil, o nº5, está equipado unicamente con elementos de coidado persoal e cosméticos, mentres que os demais competidores contan con elementos que poden resultar realmente útiles nunha carreira automobilística (como armas ou alas de aeroplano). É moi habitual que se vexa envolta en situacións perigosas nas que necesitará a axuda do seu maior admirador na loita polo título de "O piloto máis tolo do mundo": Pedro Bello. É unha rapaza inxenua, feble, necesitada do socorro. Esta idea materialízase definitivamente na secuela The Perils of Penelope Pitstop, na que a protagonista é constantemente posta en perigo por un home malvado e rescatada polos heroes, actuando como un suxeito máis pasivo que activo.

      Non obstante, a serie tamén transmite valores positivos. Exceptuando a Pierre Nodoyuna e Patán, nas carreiras respírase un certo ambiente de colaboración (o mellor exemplo é a axuda constante de Pedro Bello a Penélope Glamour). A pesares da rivalidade naturalmente presente nunha carreira coma as da serie, o ambiente é en todo momento bastante sano e sen disputas fortes que foran máis alá do puramente cómico (agás no caso de Nodoyuna e Patán). Ademais, moitos dos coches están ocupados por máis dun corredorm o que reforza os valores de amizade, cooperación e compañeirismo da serie. 

Wacky Races (Hanna-Barbera, Warner Bros. Animation, 2017)
       A serie foi un gran éxito dende o momento da primeira posta en antena e actualmente é xa un clásico atemporal. Nos anos 90 e primeiros dos 2000 lanzáronse ao mercado varios videoxogos (para NES de Nintendo, PlayStation, Dreamcast de Sega, Windows, Game Boy Color, Wii e Nintendo DS) de éxito considerable que dan conta do carácter atemporal de Wacky Races. O pasado ano 2017, nunha coprodución de Hanna-Barbera e Warner Bros. Animation, a cadea estadounidense de televisión por cable Boomerang lanzou un reboot (remake dun produto audiovisual conservando só os elementos máis relevantes e facéndolle un "lavado de cara" á orixinal, reinterpretándoa) de Wacky Races. Esta nova edición da serie consta de 31 episodios, e diferenciase claramente da orixinal en varios aspectos. Primeiramente, as carreiras en si perden gran parte do valor, cando na serie de 1968 o era todo, para dar un maior significado e presencia ás vidas persoais dos personaxes. En moitos dos capítulos nin sequera hai un vencedor claro, e se o hai é habitual que sexa alguén totalmente inesperado ou que nin sequera formaba parte da competición. Por outra parte, desaparecen gran parte dos personaxes orixinais, dos que só se conservan Penélope Glamour, Pedro Bello, os Tenebrosos, ao volante do Espantomóvil (auto nº2) e o equipo de Nodoyuna e Patán, para aparecer novos corredores como Pandora Pitstop (irmá xemelga malvada de Penélope). Tamén aparece Brick Crashman, comentarista das carreiras e que na serie orixinal nunca apareceu en pantalla.

Os tolos do volante foi unha serie, aínda que breve, innovadora e que sentou precedente para a produción de novos formatos audiovisuais para o público infantil, canda menos na súa propia produtora, Hanna-Barbera, que daría moitos produtos igual de exitosos ao longo dos anos.


Aldara Castro Meizoso















Comentarios

  1. Ficha técnica, algo escasa. País, por exemplo (pódese deducir, pero tamén nas películas¡) ou número de episodios que se emitiron ou canles nas que se emitiu a serie en España e no país de orixe.
    Que significa dous circuítos diferentes? En que ano/s se emitiron en España? Sigue emitíndose?
    Por que é innovadora e por que sentou precedentes para novos formatos audiovisuais, que formatos? Frecuente viláns acento francés, habería que explicar esa afirmación e por que, e o mesmo para o dialecto de Liverpool, son achegas que requiren unha aclaración.
    É curioso que non se fale moito máis dos vehículos e as súas características, cando é unha serie baseada en carreiras de coches¡.
    Ben o traballo. Bastante documentado.
    Estaría ben unha imaxe cos 11 vehículos.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares