AS AVENTURAS DE ROCKY E BULLWINKLE

     (por Nuno García Pico)



Título orixinal: The Adventures of Rocky and Bullwinkle and Friends
Ano: 1959 - 1964
Duración: 23 min
País: Estados Unidos
Dirección: Jay Ward (creador), Alex Anderson (creador), Bill Scott (creador), William T. Hurtz, Frank Braxton, Sal Faillace, Paul Harvey, Jim Hiltz, Lew Keller, Ted Parmelee, Dun Roman, John Walker, Rudy Zamora
Guion: Chris Jenkins, Allan Burns, Bill Scott (creador), Ted Key
Música: Dennis Farnon, Fred Steiner, George Steiner
Fotografía e reparto: Barbara Baldwin, Sam Clayberger, Adrienne Diamond, Art Diamond, Roy Morita, Alan Shean, Shirley Silvey, Al Wilson
Xénero: animación, comedia, infantil, aventuras, sátira, ciencia ficción
Produtora: Jay Ward Productions, Gamma Productions, Producers Associates of Television, Inc.



The Adventures of Rocky and Bullwinkle and Friends é o nome que se lle deu a partir dos anos 90 para a súa comercialización en vídeo a unha serie norteamericana orixinalmente emitida entre 1959 e 1964 nas cadeas ABC e NBC. Neste período, a serie contou con varios nomes: de 1959 a 1961 foi coñecida como Rocky and His Friends (Rocky e os seus amigos); de 1961 a 1964 como The Bullwinkle Show (O show de Bullwinkle), e posteriormente tamén como The Rocky and Bullwinkle Show (O show de Rocky e Bullwinkle). En 2013, o magazine americano TV Guide nomeuna a sexta mellor serie de animación da historia.


A estrutura desta serie foi concebida como a dun espectáculo de variedades. Ao longo dos 23 minutos que duraba cada episodio, intercalábanse as aventuras de Rocky - un esquío voador preocupado por axudar aos máis desfavorecidos e facer sempre o ben - e Bullwinkle - un alce antropomorfo cunha forza desmesurada e co curioso superpoder de ser capaz de lembrar cada cousa que comeu na súa vida- con outras miniseccións, como as viaxes no tempo do Dr. Peabody (un can que ademais de falar era científico) e do seu aprendiz Sherman, as peripecias do bondadoso Dudley Do - Right (axente da Policía Montada do Canadá), e un espazo no que se reinterpretaban vellos contos de fadas baixo unha óptica humorística.

Estéticamente, a serie destaca pola simpleza das súas animacións, feitas polos propios creadores coa axuda dun estudo mexicano no que invertiron moitos dos seus aforros. Dita simpleza levou a que algúns detractores considerasen este espazo como unha sorte de "serial radiofónico con imaxes", mais tamén houbo quen veu neste minimalismo case-primitivista un canon de beleza e autenticidade que poucas series do seu momento foron quen de acadar.



Imaxes dos primeiros episodios de Rocky and His Friends, cando a serie se facía aínda en branco e negro


O Temido Líder 
Os principais inimigos de Rocky e Bullwinkle na maioría das súas aventuras son os espías Boris Badenov (unha parodia do zar ruso do século XVI Boris Godunov) e Natasha Fatale, imaxe arquetípica de femme fatale. O seu xefe era o dictador da nación ficticia de Pottsylvania, coñecido como "O temido líder". Os dous espías, o xefe e a nación de Pottsylvania en xeral constitúen unha sátira á situación do mundo na guerra fría. É sinxelo identificar este país con Alemania Oriental, xa que os pottsylvanos adoitan empregar palabras en alemán, e a miúdo se pode ver a Cruz de Ferro nas roupaxes dos soldados. É curioso o feito de que a estética do líder se basea na imaxe dos altos mandos militares nazis, aínda cando é unha parodia dos mandatarios soviéticos. Isto é un claro exemplo da propaganda anticomunista que estaba tan presente na cultura e a sociedade norteamericana deste tempo. De feito, na serie vemos como a nación de Pottsylvania é totalmente caricaturizada, vemos que a vida diaria dos seus cidadáns está sometida a unha servidume e unha sobrevixiancia que rozan o ridículo, e nas escolas deste país ficticio, os nenos aprenden a cometer asasinatos e roubos, así como a dicir palabrotas. Por outra banda, o propio anticomunismo norteamericano é tamén caricaturizado en moi diversas ocasións ao longo de toda a serie, como no episodio no cal a NASA, totalmente desquiciada polos avances soviéticos na carreira espacial, obliga a Bullwinkle a traballar para eles empregando unha receita caseira da súa avoa, coa cal cren que se podería elaborar un combustible capaz de outorgar aos cohetes estadounidenses unha forza moito maior que a do Sputnik ruso.


Nell Fenwick
Natasha Fatale
Alén disto, tamén é certo que neste espazo a presenza feminina é practicamente nula, quedando relegado o rol da muller - agás no caso de Natasha, que se presenta como activa, mais é malvada e manipuladora - ao de persoa que precisa ser constantemente salvada por homes dun perigo que á súa vez orixinaron outros homes. Un exemplo arquetípico disto é a figura de Nell, a inocente filla do Inspector Fenwick da Policía Montada de Canadá, á cal Dudley ten que salvar unha e outra vez da ameaza do maligno Whiplash, o seu inimigo por excelencia.

Tentando deixar de lado estes aspectos controvertidos, escollimos esta serie baixo o criterio de ser un espazo que fomenta o valor da amizade, o cal se pode ver en infinitas ocasións ao longo dos moitos episodios da mesma. Alén de tentar axudar ao próximo en xeral, o cal é sempre un valor positivo, tanto Rocky e Bullwinkle como a maioría de personaxes secundarias das que antes falabamos, antepoñen sempre a amizade e o benestar dos seus compañeiros a calquera outro interese. É un argumento arquetípico da serie: o Dr. Peabody arriscando a súa integridade e o continuo devir do espazo - tempo axudando a Sherman a escapar dun perigo de morte no tempo dos romanos, Bullwinkle tendo que meterse nunha xaula de leóns para rescatar a Rocky dun final pouco agradable... Ao ser unha serie feita para nenos, móstrasenos moi claramente quen son os bos e quen son os malos. Os bos axudan aos seus amigos e son axudados por eles, viven nunha comunidade na que a interdependencia é evidente, necesaria e positiva, mentres que os malos son individuos solitarios, misántropos e apartados do mundo. Se ben é certo que se lle pode dar unha segunda lectura dende unha óptica adulta, sobre todo polo compoñente satírico e político dos seus contidos, unha cousa que deixa moi clara esta serie é que a amizade é sempre primordial na vida (e non só na dos humanos). 

A pesar do seu relativamente curto período de emisión, esta serie tivo unha enorme influencia tanto en outras series animadas, como na cultura popular norteamericana en xeral (o cal, hoxe en día, significa o mesmo que dicir que tivo un enorme impacto global). De feito, Matt Groening, creador de The Simpsons, indubidablemente a serie de animación máis popular da historia, recoñeceu que as personaxes masculinas de dita familia (Homer, Bart e Abe) posúen un segundo nome que comeza por "J", en homenaxe a Rocky e Bullwinkle, que tamén posuían tal designación. Alén disto, varios guionistas da serie reivindican As Aventuras de Rocky e Bullwinkle como claras influencias no seu traballo.





Homer J. Simpson e Bullwinkle J. Moose, dúas das personaxes máis populares da historia das series de animación.







Ao longo dos anos, fixéronse incontables anuncios nos que aparecían personaxes desta serie, especialmente Rocky e Bullwinkle (cereais, bebidas enerxéticas, cadeas de restaurantes de comida rápida, snacks...), así como cómics, xoguetes, videoxogos... Hai incluso unha ópera infantil que ten a estes dous heroes infantis como protagonistas. Como xa dixemos, esta serie tivo unha enorme influencia na cultura popular, notándose isto sobre todo no sector audiovisual.

The Adventures of Rocky and Bullwinkle and Friends deu orixe á súa vez a varias series e películas. No 1992 estreouse a película Boris and Natasha: The Movie, con Dave Thomas e Sally Kellerman nos papeles protagonistas; no 1999, tocoulle a outra personaxe secundaria, neste caso Dudley Do-Right, nun file homónimo no que o papel protagonista o ten Brendan Fraser, e no cal aparece o Monty Python Eric Idle. Finalmente, no 2000 chegou a película protagonizada por Rocky e Bullwinkle. The Adventures of Rocky and Bullwinkle é unha película que mistura imaxes creadas por ordenador (os propios Rocky e Bullwinkle) con personaxes reais (como os seus inimigos Boris e Natasha, interpretados por Jason Alexander e Rene Russo, respectivamente). Unha curiosidade: nesta película hai unha escena na que Robert De Niro (que interpreta ao Temido Líder) parodia a súa xa mítica actuación fronte a un espello na película Taxi Driver, coa célebre frase: "Are you talking to me?". Todas e cada unha destas tres películas recibiron opinións moi negativas por parte da crítica, así como unha tibia acollida do público, demostrando que o xenuino éxito que no seu día tivera a serie orixinal non era tan sinxelo de reproducir. En 2014, o director Gary Trousdale fixo un corto de animación titulado Rocky & Bullwinkle, no cal Boris e Natasha, co fin de quitar do seu camiño a Rocky e Bullwinkle e conseguir así por fin levar a cabo os seus plans de dominación mundial, tentan seducir a Bullwinkle cun alce femia robótico, para así meterse na súa cabeza e manipulalo dende dentro. Este corto tivo unha mellor recepción que as películas das que antes falabamos.





Por último, poderiamos dicir que os que realmente triunfaron nas súas andaduras independentes con respecto a The Adventures of Rocky and Bullwinkle and Friends foron o Dr. Peabody e Sherman coas súas viaxes no tempo. No 2014, Rob Minkoff fixo unha película de animación en 3D sobre as aventuras desta parella, e en 2015 chegou a Netflix a serie The Mr. Peabody and Sherman Show, producida por DreamWorks Animation e polo propio Rob Minkoff, ambas con éxito tanto de crítica como de público.



Carteis da película e a serie (respectivamente) sobre as aventuras de Peabody - o can que ademais de ser capaz de falar, é un xenio científico que realiza viaxes no tempo -  e o seu axudante humano Sherman.

Comentarios

  1. Ficha técnica, aceptable, aínda que lle faltarían datos como número episodios e canles polas que se emitiu en España.
    Bo. Por onde se emitiu esta serie en España. Si remateu a sú emisión en 1964, cantos episodios se difundiron, e cal foi a canle que emitiu esta serie. é imposible que polos anos fora unha serie da vosa infancia. Non entendo ben a proposta. Faltan citas, apúntanse afirmacións ou formulacións que requiren a fonte de orixe, como o relativo a radio en imaxes.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares